# Core team

### Title

*Core team*

### Patlet

incluso cando se necesita moito un proxecto InnerSource, as colaboracións e o seu uso poden verse obstaculizados porque é difícil traballar co proxecto. Estableza un core team que se dedique a coidar dos elementos fundamentais do proxecto. O traballo do core team permítelle aos/ás contribuidores/as engadir e empregar as funcionalidades que achegan valor aos seus escenarios.

### Problema

* É difícil contribuír ao proxecto. Isto podería deberse a aspectos como:
  * Non se pode executar o proxecto de maneira local.
  * Documentación deficiente.
  * Código intrincado.
  * Probas inadecuadas.
* É difícil usar o proxecto. Algunhas causas posibles son:
  * Documentación deficiente (unha vez máis).
  * Erros frecuentes.
  * Configuración pouco intuitiva.

### Historia

Hai un proxecto central do que todos/as dependen. Gran candidato para InnerSource! Desafortunadamente, o proxecto creceu de maneira orgánica e con varias contribucións e adicións fortuítas. Agora trátase dunha maraña de código desordenado e denso que ninguén entende e no que todo o mundo ten medo a somerxerse. Está claro que necesita unha revisión (por exemplo, refactorización, probas, documentación etc.), pero aínda que todos/as necesitan e queren que se leve a cabo a tarefa, ninguén emprega tempo en facelo.

### Contexto

* Moitos equipos necesitan o proxecto.
* O proxecto ten unha débeda tecnolóxica significativa.
* A adopción e iteración do proxecto é lenta.
* Non hai un/unha propietario/a ou encargado/a do mantemento que asuma a responsabilidade do proxecto e o ecosistema de contribución no seu conxunto.

### Aspectos que mellorar

* Tódolos equipos contribuidores están ocupados e, por tanto, priorizan o traballo que supón unha recompensa inmediata para eles mesmos.
* A medida que o proxecto crece, a tendencia natural é que se volva máis difícil de empregar e modificar.

### Solución

Forme un *core team* cuxo traballo sexa manter este proxecto nun estado no que outros/as poidan incorporarse e contribuír facilmente. Este equipo leva a cabo o traballo necesario para crear un ecosistema saudable de uso e de contribución. Este traballo crítico a miúdo non se prioriza tanto como a contribución. As categorías deste tipo de traballo inclúen a comunicación, un entorno local e unha infraestrutura DevOps.

Velaquí algúns exemplos específicos:

* Erros de produción.
* Documentación.
* Titorial de incorporación e exemplos.
* CI/CD.
* Medio local.
* Modularización.
* Versión actualizada.
* Monitorización.
* Clases/categorías de funcionalidades pioneiras.

Cada un destes elementos é moi importante para un ecosistema de produtos saudable, pero é pouco probable que se lle dea tanta prioridade como á contribución.

O *core team* pode estar composto por un pequeno número de persoas a tempo completo ou parcial. A elección depende da cantidade de traballo necesario, a dispoñibilidade de recursos e a cultura da organización. A consideración máis importante é formar ao equipo de maneira que permita á organización capacitalos e responsabilizalos da mesma maneira que a outro equipo calquera.

Por mor do seu rol central, os membros do *core team* case sempre deben desempeñar tamén o rol de ***trusted committers*** (para obter máis información acerca deste concepto, consulte [Learning Path](https://innersourcecommons.org/learn/learning-path/trusted-committer/) ou *Ruta de aprendizaxe* e o [modelo](/gl/p/trusted-committer.md)). Se ben o rol de *trusted committer* se centra principalmente en facilitar a contribución e o uso do proxecto por parte doutros/as, un membro do *core team* tamén contribúe regularmente ao proxecto. O *core team* non ten unha axenda propia que determine as súas contribucións. Estes deciden en que traballar en función daquilo que máis axudará aos/ás demais a empregar e contribuír ao proxecto.

Unha boa maneira de recordarlles constantemente ao equipo central este obxectivo é facer que estes proporcionen información regularmente sobre:

* O número de equipos activos que emprega o proxecto.
* O número de contribucións externas ao equipo.

Centrarse de xeito continuo nestas métricas, naturalmente, impulsará ao *core team* a priorizar, en xeral, o traballo axeitado co fin de crear un ecosistema InnerSource próspero arredor do proxecto.

![Responsabilidades do core team e dos/as contribuidores/as de InnerSource](/files/LIymwxEqdrDXLgBSv3sO)

### Contexto resultante

* É doado de empregar e contribuír ao proxecto.
* Moitos equipos empregan e contribúen ao proxecto.
* O éxito do *core team* defínese nos termos da interacción dos/as demais e a resposta ao seu proxecto.

### Fundamento

Separar a un *core team* e asignarlle tarefas axuda a encher os baleiros que necesita un proxecto frutífero e que, porén, exclúe aos/ás contribuíntes que só se preocupan dos seus propios obxectivos. O *core team* enche eses baleiros e engraxa as rodas para que o ecosistema de contribución se manteña saudable.

### Exemplos coñecidos

* **Nike** aplicou este modelo para xestionar o esforzo InnerSource arredor das súas planificacións non reutilizables de CI/CD.
* **WellSky** estableceu un *core team* para un proxecto chave. Isto permitiulles escalar as súas contribucións InnerSource a ese proxecto de xeito significativo; vexa [*Wide-Scaled InnerSource with a Core Team*](https://www.youtube.com/watch?v=kgxexjYdhIc) \[InnerSource de grande escala cun *core team]*.
* **BBVA AI Factory** aplicou este modelo como parte dunha estratexia InnerSource para fomentar a contribución e a reutilización do código de ciencia de datos; vexa [*Mercury: Scaling Data Science reusability at BBVA*](https://www.bbvaaifactory.com/mercury-acelerando-la-reutilizacion-en-ciencia-de-datos-dentro-de-bbva/) \[Mercury: Acelerando a reutilización da ciencia de datos en BBVA].

### Estado

* Estruturado

### Autoría

* [Russell R. Rutledge](https://github.com/rrrutledge)

### Tradución

* Leticia Gómez Cadahía
* María Lucía González Castro


---

# Agent Instructions: Querying This Documentation

If you need additional information that is not directly available in this page, you can query the documentation dynamically by asking a question.

Perform an HTTP GET request on the current page URL with the `ask` query parameter:

```
GET https://patterns.innersourcecommons.org/gl/p/core-team.md?ask=<question>
```

The question should be specific, self-contained, and written in natural language.
The response will contain a direct answer to the question and relevant excerpts and sources from the documentation.

Use this mechanism when the answer is not explicitly present in the current page, you need clarification or additional context, or you want to retrieve related documentation sections.
