# Gig marketplace

### Title

*Gig marketplace*

### Patlet

establécese un marketplace mediante a creacion dunha intranet que enumere as necesidades específicas do proxecto InnerSource como «Gigs», con requisitos explícitos de tempo e habilidades. Isto permitiralle ao personal directivo comprender mellor o compromiso no tempo e os beneficios profesionais dos seus/súas traballadores/as, o que aumentará a probabilidade de obter a aprobación para realizar contribucións InnerSource.

### Problema

Nin os/as directivos/as nin os/as empregados/as entenden como poderían beneficiarse de involucrarse nun proxecto InnerSource.

Para os/as empregados/as é difícil comunicar á xerencia o compromiso de tempo que supón para eles/as a implicación nun proxecto InnerSource.

Os cargos superiores non contan cun sistema uniforme de seguimento ou recompensas en relación á implicación dos/as seus/súas empregados/as en proxectos InnerSource.

### Historia

Créase con éxito un programa InnerSource, coa aceptación dos altos cargos, mandos intermedios e desenvolvedores/as da compañía. Non obstante, despois de case un ano, apenas houbo contribucións reais a ningún proxecto de InnerSource fóra dos equipos que os crearon. Tras entrevistar a tódalas partes implicadas, o principal escollo resulta ser a dificultade para coñecer o compromiso de tempo que se lles ía ter que pedir aos/ás desenvolvedores/as que elixisen involucrarse nalgún proxecto InnerSource e como se beneficiarían persoalmente ao facelo. Tampouco existe un sistema establecido para anunciar as oportunidades dispoñibles para os/as contribuidores/as, expor o que se lles vai pedir facer ou unha aproximación do tempo que poden precisar. Os/As directivos/as apoian e alentan aos/ás seus/súas empregados/as a participar pero, ata agora, non tiñan forma de contabilizar ou recompensar as actividades destes/as empregados/as dentro dos proxectos InnerSource. Como se pode mellorar esta situación para tódalas partes (*project owners* de InnerSource, potenciais contribuidores/as e xestores/as de desenvolvemento)?

### Contexto

Os/As empregados/as desexan poder aumentar a súa exposición a actividades que se desenvolven noutras áreas da compañía sen ter que abandonar os seus cargos actuais. A existencia dos proxectos InnerSource poderíalles proporcionar nova experiencia, mais son dous os principais factores que impiden que os/as empregados/as participen. En primeiro lugar, a incapacidade tanto para descubrir con facilidade cales son as oportunidades de contribución dentro dos proxectos InnerSource en curso, como para comunicalo aos/ás seus/súas superiores/as. En segundo lugar, a incapacidade dos altos cargos para planificar e dar conta do compromiso de tempo dos/as seus/súas empregados/as con estas tarefas; que ten como resultado que os/as *project owners* de InnerSource estean a atopar dificultades á hora de construír comunidades dun tamaño suficiente como para cumprir os obxectivos manifestados.

### Aspectos que mellorar

* Os/As empregados/as non contan cun sistema sinxelo para descubrir as oportunidades de InnerSource.
* Os/As empregados/as non teñen modo de comprobar como a súa contribución podería beneficialos/as profesionalmente.
* A xerencia non entende os requisitos tempo/esforzo asociados ás tarefas relacionadas co proxecto InnerSource.

#### Requisitos previos

* Os/As directivos/as proporcionan tempo aos/ás empregados/as para implicarse nos proxectos InnerSource.
* As contribucións a InnerSource deben ser cuantificables para que os altos cargos poidan rastrexalas e rexistralas e, á súa vez, sexan debidamente contabilizadas e recompensadas.

### Solucións

Será necesaria a creación dunha intranet baseada en *Gig* na que os/as empregados/as poidan anunciar de maneira individual as súas habilidades e áreas de interese, e os/as *project owners* de InnerSource poidan atopar oportunidades de colaboración.

Os/As empregados/as crearían un perfil na aplicación no que enumerarían as súas habilidades e áreas de interese. O sistema tomaría estes datos e, de maneira proactiva e individual (por correo electrónico ou por outros medios), informaría da publicación dun *Gig* que coincida cun ou máis deses criterios.

Cada *Gig* publicado polo/a *project owner* de InnerSource debería incluír os requisitos estimados de tempo e habilidades precisadas, na procura do/a empregado/a dispoñible mais indicado/a; para poder comunicarllo directamente ao/á seu/súa superior/a inmediato/a. A descrición tamén debería incluír a base dos beneficios para a persoa que asuma a tarefa, de modo que resulte o máis atractiva posible.

Pódese crear un sistema baseado en puntos para recompensar e rastrexar a participación dun/dunha empregado/a nun *Gig*. Así, outorgaríanse, por exemplo, 10 puntos ao/á propietario/a do *Gig* por publicalo unha vez completado e 100 puntos para o/a desenvolvedor/a que o complete. Os puntos acumulados ao completar *Gigs* poderían usarse como mecanismo de gamificación e como criterio de xestión do rendemento ao obter información sobre as áreas de especialización que existen dentro dunha organización.

Quen queira aceptar un *Gig* será examinado/a primeiro polo/a propietario/a do mesmo para determinar que o/a empregado/a cumpre cos requisitos previos de habilidades e adxudicación de tempo do/a seu/súa xestor/a para completar o *Gig*.

A transparencia das contribucións a través de *Gigs* pode axudar a construír (ou desmerecer) a reputación dun/dunha contribuidor/a, favorecendo por iso a probabilidade de que a calidade da contribución sexa alta. Completar *Gigs* tamén poderá servir para probar a experiencia nun área en particular.

A natureza dos *Gigs* publicados no *marketplace* pode incluír tanto habilidades técnicas como competencias sociais; tales como organizar un evento grupal, escribir un informe ou solicitar unha mentoría etc.

A responsabilidade da creación do «*Gig marketplace*» debería ser asumida por un equipo dunha organización que proporcione infraestrutura e capacidades para toda a compañía.

### Contexto resultante

O «*Gig marketplace*» de InnerSource aumentou considerablemente o número de proxectos InnerSource; así como o número de empregados/as implicados/as neles. A natureza autodirixida do *Gig marketplace* mellorou a satisfacción laboral entre os/as empregados/as, pois permitiulles elixir o traballo que realizan e con quen asociarse dentro da empresa. Os/As empregados/as saben exactamente a que se comprometen e o que poden esperar da experiencia. Os/As directivos/as poden estimar e rastrexar mellor os compromisos de tempo dos/as seus/súas empregados/as con respecto aos proxectos InnerSource, recoñecer os seus esforzos individuais e tomar os *Gigs* completados como unha forma de validar as súas habilidades específicas. Ademais, os cargos superiores poden aproveitar o tempo dispoñible de inactividade dun/dunha empregado/a e permitirlle que pase a traballar no *Gig marketplace*. Os datos xerados polas interaccións no *Gig marketplace* axudan tamén a impulsar as decisións de contratación e formación en tódolos departamentos.

Cando se usa en combinación co modelo do portal InnerSource, o *Gig marketplace* ofrece unha maior precisión de contexto e datos, xunto coas ligazóns aos repositorios de código e a documentación do proxecto relacionado co *Gig*.

### Exemplos coñecidos

* Unha grande organización de servizos financeiros empregou a creación dunha web *Gig marketplace* de InnerSource para promover o seu programa InnerSource.
* SAP implementou o modelo de *Gig marketplace*, engadindo un novo programa InnerSource á plataforma de traballo interna na que se poden publicar ofertas similares.
* O modelo *Gig marketplace* probou funcionar extremadamente ben co prototipo asociado do [portal InnerSource](/gl/p/innersource-portal.md) neste contexto. O portal InnerSource dá a coñecer os proxectos específicos que se están levando a cabo na actualidade, mentres que o *Gig marketplace* anuncia certo tipo de tarefas dispoñibles para traballar neses proxectos.

### Estado

* Estruturado

### Autoría

* Stephen McCall
* Shreyans Dugar

### Tradución

* Leticia Gómez Cadahía
* María Lucía González Castro


---

# Agent Instructions: Querying This Documentation

If you need additional information that is not directly available in this page, you can query the documentation dynamically by asking a question.

Perform an HTTP GET request on the current page URL with the `ask` query parameter:

```
GET https://patterns.innersourcecommons.org/gl/p/gig-marketplace.md?ask=<question>
```

The question should be specific, self-contained, and written in natural language.
The response will contain a direct answer to the question and relevant excerpts and sources from the documentation.

Use this mechanism when the answer is not explicitly present in the current page, you need clarification or additional context, or you want to retrieve related documentation sections.
