# Contracted contributor

### Title

*Contracted contributor*

### Patlet

os/as socios/as que desexen contribuír a InnerSource son disuadidos/as de facelo polos/as seus/súas superiores/as. Os contratos e acordos formais son un alivio.

### Problema

Sen o apoio dos/as responsables de área, é probable que o número total de contribuidores/as e, en consecuencia, a cantidade de contribucións realizadas, así como o calidade xerada pola iniciativa InnerSource, sexa inferior á das expectativas dos altos cargos. Probablemente esta situación se vexa agravada se non se financia adecuadamente aos/ás [líderes da comunidade expertos/as en InnerSource](https://patterns.innersourcecommons.org/gl/p/dedicated-community-leader) e se lles capacita correctamente. Córrese o risco de que a dirección decida non seguir adiante coa inicitiva InnerSource.

### Contexto

Unha gran corporación puxo en marcha unha iniciativa InnerSource. Os principais obxectivos da iniciativa son aumentar a eficiencia do desenvolvemento do software distribuído e fomentar a innovación permitindo que tódolos/as traballadores/as contribúan voluntariamente nos proxectos InnerSource, independentemente do tema e da unidade de negocio.

Os altos cargos apoian a iniciativa InnerSource. Para eles/as, é só unha das moitas iniciativas para fomentar a innovación e a eficacia. Financian InnerSource con diñeiro e capacitación para os/as *líderes da comunidade*, ademais de dotalos/as de autonomía para o gasto do presuposto. Tamén limitan a amplitude e a duración da iniciativa e participan en revisións periódicas ata que haxa probas de que da os resultados esperados (vexa [Comité de revisión](https://patterns.innersourcecommons.org/gl/p/review-committee)). Os/As directivos/as anunciaron o seu apoio á iniciativa InnerSource en varias reunións internas de empresa.

Con todo, aínda non capacitaron ou incentivaron aos/ás responsables de área para que permitan, ou incluso motiven, aos/ás seus/súas traballadores/as a participar en actividades InnerSource interdivisionais. Ademais, a capacidade de cada socio/a adoita asignarse a proxectos alleos a InnerSource durante toda a súa xornada de traballo. A colaboración entre organizacións aínda non é a norma e os cargos superiores non adoitan ter obxectivos fóra da súa propia compañía. Espérase que as contribucións aos proxectos InnerSource teñan lugar durante o horario laboral, non durante o tempo libre.

### Aspectos que mellorar

* O persoal directivo é responsable dos resultados das súas unidades de negocio. Permitir que o seu persoal participe en actividades InnerSource nas que poderían perder tempo facendo contribucións fóra da súa área empresarial, reduce eficazmente a capacidade da súa unidade. É probable que isto dificulte que o persoal directivo alcance ou supere os seus obxectivos.
* Os/As responsables de área e RR HH xulgarán, por defecto, o rendemento dos/as seus/súas subordinados/as en función dos obxectivos das súas unidades de negocio, que poderían non estar aliñados cos obxectivos da comunidade InnerSource.
* Canto menor sexa o apoio executivo percibido polo/a superior/a inmediato/a, menos probable será que permita que o seu persoal participe en actividades InnerSource que contribúan a outra unidade de negocio.
* Canta menor transparencia e control teña o/a superior/a do traballo realizado por un/unha dos/das seus/súas subordinados/as, menos probable será que lles permita facer contribucións.
* Canto menos formal sexa a xestión e organización do traballo en InnerSource, menos probable será que un cargo superior acostumado aos procesos oficiais autorice a un/unha dos/as seus/súas traballadores/as a contribuír en InnerSource.
* Canto máis tempo dedique un/unha socio/a a contribuír a un proxecto InnerSource que non beneficie ao seu propio traballo diario, máis aumentará a carga de traballo para os/as seus/súas compañeiros/as de equipo na súa unidade de negocio.
* É probable que os/as contribuidores/as individuais consideren participar en InnerSource para ter a oportunidade de mellorar a súa rede profesional dentro da empresa e adquirir coñecementos e experiencia na área técnica das súas contribucións.

### Solución

Estableza un sistema de contratación formal entre o/a contribuidor/a, o/a seu/súa superior/a e unha oficina de gobernación InnerSource (ISGO), financiada e dirixida de maneira centralizada. Faga que a ISGO reembolse ás unidades de negocio que contrataron a contribuidores/as polo tempo contratado.

* A contratación especifica unha porcentaxe máxima de tempo de traballo dos/as socios/as en InnerSource.
* A contratación establece, claramente, que o traballo na unidade de negocio do/a contribuidor/a ten prioridade sobre o traballo en InnerSource.
* A contratación establece que non é obrigatorio traballar en InnerSource durante a porcentaxe máxima especificada no contrato.
* A contratación está firmada polo/a contribuidor/a, o/a seu/súa superior/a inmediato/a, a oficina de gobernación e o/a [líder da comunidade experto/a en InnerSource](https://patterns.innersourcecommons.org/gl/p/dedicated-community-leader) coa que vaia colaborar o/a contribuidor/a.
* A oficina de gobernación ofrécese a mediar entre o/a contribuidor/a e o/a seu/súa superior/a en caso de conflito acerca do horario das contribucións.
* O/A [líder da comunidade experto/a en InnerSource](https://patterns.innersourcecommons.org/gl/p/dedicated-community-leader) participa nas revisións do rendemento dos/as contribuidores/as contratados/as por máis dun 20% ou realiza aportacións ás mesmas.

![Contracted contributor](https://759310253-files.gitbook.io/~/files/v0/b/gitbook-x-prod.appspot.com/o/spaces%2FptpH83yl04rC7Zlp54rN%2Fuploads%2Fgit-blob-c8443233c0f0dd50de54f7d8c93660e9f7ebab5f%2Fcontracted-contributor.png?alt=media)

### Contexto resultante

A contratación formal e os reembolsos financiados de xeito centralizado comunican de forma convincente o apoio da organización á iniciativa InnerSource, capacitando así aos mandos intermedios para que aproben a devandita iniciativa:

* A asignación dos fondos corporativos das unidades de negocio para o reembolso da capacidade de desenvolvemento indícalles aos/ás responsables de área que InnerSource aporta valor á organización, que conta con apoio executivo e que se espera que tamén eles/as a apoien.
* A contratación formal indica que o traballo mediante InnerSource se xestiona de xeito profesional e inspira confianza.
* Unha contratación formal aumenta a transparencia e proporciona unha mellor visión de conxunto sobre a capacidade dispoñible do/a socio/a para a súa unidade de negocio e sobre os seus proxectos InnerSource, reducindo así o risco de planificar en exceso a capacidade de produción.

A contratación formal tamén é beneficiosa para os/as contribuidores/as e as comunidades:

* Cun grupo estable de contribuidores/as, é moito máis probable que algúns/algunhas deles/as rematen acadando o status de [*Trusted committer*](https://patterns.innersourcecommons.org/gl/p/trusted-committer)
* Unha contratación formal proporciona un marco para resolver conflitos vencellados á participación nas actividades InnerSource. Teña en conta que probablemente a mediación só sexa frutífera para as compañías que teñan unha cultura que o propicie.

### Exemplos coñecidos

* BIOS na empresa Robert Bosch GmbH

### Estado

* Estruturado

### Autoría

* Georg Grütter (Robert Bosch GmbH)

### Recoñecementos

* Diogo Fregonese (Robert Bosch GmbH)
* Robert Hansel (Robert Bosch GmbH)
* Jim Jagielski
* Tim Yao
* Klaas-Jan Stol
* Padma Sudarsan
* Nick Stahl
* Ofer Hermoni
* Robert C. Hanmer

### Rexistro de cambios

* **2016-10-25:** Primeira revisión
* **2017-05-09:** Reelaboración
* **2017-09-08:** Segunda revisión, reelaboración final e unificación
* **2021-02-27**: Solución de cuestións coa visualización do modelo do libro

### Tradución

* Leticia Gómez Cadahía
* María Lucía González Castro
