# Comité de revisión

### Title

Comité de revisión

### Patlet

o modelo de traballo InnerSource é un afastamento radical dos enfoques máis tradicionais, tanto para os/as desenvolvedores/as como para os/as seus/súas superiores/as. Ao establecer un comité de revisión como interface entre a iniciativa InnerSource e todos os altos cargos das áreas empresariais que participan nela, é máis probable que estes últimos se familiaricen coa iniciativa e a apoien; xa que lles brinda un certo nivel de supervisión e control, sen fomentar a microxestión.

### Problema

Os altos cargos percibirán o modelo de traballo de InnerSource como un afastamento radical dos modelos de traballo aos que están afeitos e cos que teñen experiencia. Como consecuencia, é probable que rexeiten ou microxestionen a iniciativa InnerSource para tratar de minimizar o risco percibido deste cambio. En ambos os dous casos, os beneficios de InnerSource non se poderían alcanzar. E, como resultado, InnerSource sería logo desacreditado.

### Contexto

A empresa A quere presentar a súa primeira iniciativa InnerSource. A meirande parte dos cargos superiores da empresa A non están familiarizados co modelo de traballo de software libre e, en cambio, están afeitos á xestión de estilos de control xerárquico e descendente.

### Aspectos que mellorar

* Canto máis control perciba un/unha directivo/a sobre o traballo na iniciativa InnerSource, máis probable é que apoie a iniciativa sen contar con experiencia previa.
* Canta menos experiencia teña un/unha xestor/a co modelo de traballo de software libre, máis probable é que queira controlar o risco da iniciativa.
* Canto máis draconiana e microxestionada sexa a dirección das iniciativas InnerSource, menos probable é que se adopte o modelo de traballo de software libre na medida necesaria. E, como resultado, os beneficios de InnerSource non se poderán acadar.

### Solución

* Establecer un comité de revisión composto por altos/as directivos/as de tódalas áreas empresariais que participan na iniciativa InnerSource.
* Os membros do Comité de revisión teñen a autoridade de decidir grupalmente, e en xeral, que proxectos InnerSource recibirán asistencia; así como cales en particular contarán con financiamento.
* Os/As candidatos/as poden ser elixidos/as con anterioridade polos membros do Comité de revisión para presentar a súa proposta de proxecto InnerSource, para a súa consideración durante as reunións do devandito Comité.
* Os/As líderes dos proxectos InnerSource, financiados actualmente polo Comité de revisión, están obrigados/as a informar sobre o estado do seu proxecto durante cada xuntanza do comité.
* Os membros do Comité de revisión están obrigados a proporcionar retroalimentación tanto ás novas persoas candidatas/solicitantes como aos/ás líderes actuais do proxecto durante as reunións do comité.
* Cada proxecto de InnerSource debe ter a oportunidade de reaccionar ás valoracións recibidas nunha sesión do Comité de revisión, no espazo de tempo que reste ata a sesión seguinte, para evitar o peche prematuro do proxecto.
* Un/Unha líder de proxecto InnerSource tamén pode presentar unha moción de cese por iniciativa propia no Comité de revisión. A continuación, o Comité de revisión ten que decidir se ás áreas empresariais que empregan o software se lles debe dar tempo ou non para poñer en marcha medidas para garantir que o desenvolvemento e/ou o mantemento da base de código continúe ata que se atope unha solución alternativa ao desenvolvemento por parte da comunidade InnerSource. (Se é relevante para o negocio ou é unha misión crítica).
* O Comité de revisión debería reunirse regularmente. Xa se probou que unha cadencia de dúas reunións ao ano resulta exitosa.

![Bosquexo do Comité de revisión](/files/9QWlMr4iuZArW6JvYx8C)

### Contexto resultante

* Os/As directivos/as empregan con InnerSource unha ferramenta coa que se senten cómodos/as, co fin de obter a cantidade necesaria de información e control sobre o funcionamento interno da iniciativa. Esta familiaridade fará que teñan máis probabilidades de asinar a iniciativa InnerSource e poder conceder o grao de liberdade necesario para os proxectos de InnerSource.
* Os/As desenvolvedores/as aínda poden autoorganizarse ata certo punto. Non hai lugar para a microxestión, xa que o Comité de revisión non se convoca con demasiada frecuencia.

### Exemplos coñecidos

* BIOS en Robert Bosch GmbH

### Estado

* Estruturado
* Finalizado e revisado na data: 31/8/17

### Autoría

* Georg Grütter, Robert Bosch GmbH
* Diogo Fregonese, Robert Bosch GmbH

### Título alternativo

*Cheese Interface*

### Tradución

* Leticia Gómez Cadahía
* María Lucía González Castro


---

# Agent Instructions: Querying This Documentation

If you need additional information that is not directly available in this page, you can query the documentation dynamically by asking a question.

Perform an HTTP GET request on the current page URL with the `ask` query parameter:

```
GET https://patterns.innersourcecommons.org/gl/p/review-committee.md?ask=<question>
```

The question should be specific, self-contained, and written in natural language.
The response will contain a direct answer to the question and relevant excerpts and sources from the documentation.

Use this mechanism when the answer is not explicitly present in the current page, you need clarification or additional context, or you want to retrieve related documentation sections.
