Gig marketplace
Title
Gig marketplace
Patlet
establécese un marketplace mediante a creacion dunha intranet que enumere as necesidades específicas do proxecto InnerSource como «Gigs», con requisitos explícitos de tempo e habilidades. Isto permitiralle ao personal directivo comprender mellor o compromiso no tempo e os beneficios profesionais dos seus/súas traballadores/as, o que aumentará a probabilidade de obter a aprobación para realizar contribucións InnerSource.
Problema
Nin os/as directivos/as nin os/as empregados/as entenden como poderían beneficiarse de involucrarse nun proxecto InnerSource.
Para os/as empregados/as é difícil comunicar á xerencia o compromiso de tempo que supón para eles/as a implicación nun proxecto InnerSource.
Os cargos superiores non contan cun sistema uniforme de seguimento ou recompensas en relación á implicación dos/as seus/súas empregados/as en proxectos InnerSource.
Historia
Créase con éxito un programa InnerSource, coa aceptación dos altos cargos, mandos intermedios e desenvolvedores/as da compañía. Non obstante, despois de case un ano, apenas houbo contribucións reais a ningún proxecto de InnerSource fóra dos equipos que os crearon. Tras entrevistar a tódalas partes implicadas, o principal escollo resulta ser a dificultade para coñecer o compromiso de tempo que se lles ía ter que pedir aos/ás desenvolvedores/as que elixisen involucrarse nalgún proxecto InnerSource e como se beneficiarían persoalmente ao facelo. Tampouco existe un sistema establecido para anunciar as oportunidades dispoñibles para os/as contribuidores/as, expor o que se lles vai pedir facer ou unha aproximación do tempo que poden precisar. Os/As directivos/as apoian e alentan aos/ás seus/súas empregados/as a participar pero, ata agora, non tiñan forma de contabilizar ou recompensar as actividades destes/as empregados/as dentro dos proxectos InnerSource. Como se pode mellorar esta situación para tódalas partes (project owners de InnerSource, potenciais contribuidores/as e xestores/as de desenvolvemento)?
Contexto
Os/As empregados/as desexan poder aumentar a súa exposición a actividades que se desenvolven noutras áreas da compañía sen ter que abandonar os seus cargos actuais. A existencia dos proxectos InnerSource poderíalles proporcionar nova experiencia, mais son dous os principais factores que impiden que os/as empregados/as participen. En primeiro lugar, a incapacidade tanto para descubrir con facilidade cales son as oportunidades de contribución dentro dos proxectos InnerSource en curso, como para comunicalo aos/ás seus/súas superiores/as. En segundo lugar, a incapacidade dos altos cargos para planificar e dar conta do compromiso de tempo dos/as seus/súas empregados/as con estas tarefas; que ten como resultado que os/as project owners de InnerSource estean a atopar dificultades á hora de construír comunidades dun tamaño suficiente como para cumprir os obxectivos manifestados.
Aspectos que mellorar
Os/As empregados/as non contan cun sistema sinxelo para descubrir as oportunidades de InnerSource.
Os/As empregados/as non teñen modo de comprobar como a súa contribución podería beneficialos/as profesionalmente.
A xerencia non entende os requisitos tempo/esforzo asociados ás tarefas relacionadas co proxecto InnerSource.
Requisitos previos
Os/As directivos/as proporcionan tempo aos/ás empregados/as para implicarse nos proxectos InnerSource.
As contribucións a InnerSource deben ser cuantificables para que os altos cargos poidan rastrexalas e rexistralas e, á súa vez, sexan debidamente contabilizadas e recompensadas.
Solucións
Será necesaria a creación dunha intranet baseada en Gig na que os/as empregados/as poidan anunciar de maneira individual as súas habilidades e áreas de interese, e os/as project owners de InnerSource poidan atopar oportunidades de colaboración.
Os/As empregados/as crearían un perfil na aplicación no que enumerarían as súas habilidades e áreas de interese. O sistema tomaría estes datos e, de maneira proactiva e individual (por correo electrónico ou por outros medios), informaría da publicación dun Gig que coincida cun ou máis deses criterios.
Cada Gig publicado polo/a project owner de InnerSource debería incluír os requisitos estimados de tempo e habilidades precisadas, na procura do/a empregado/a dispoñible mais indicado/a; para poder comunicarllo directamente ao/á seu/súa superior/a inmediato/a. A descrición tamén debería incluír a base dos beneficios para a persoa que asuma a tarefa, de modo que resulte o máis atractiva posible.
Pódese crear un sistema baseado en puntos para recompensar e rastrexar a participación dun/dunha empregado/a nun Gig. Así, outorgaríanse, por exemplo, 10 puntos ao/á propietario/a do Gig por publicalo unha vez completado e 100 puntos para o/a desenvolvedor/a que o complete. Os puntos acumulados ao completar Gigs poderían usarse como mecanismo de gamificación e como criterio de xestión do rendemento ao obter información sobre as áreas de especialización que existen dentro dunha organización.
Quen queira aceptar un Gig será examinado/a primeiro polo/a propietario/a do mesmo para determinar que o/a empregado/a cumpre cos requisitos previos de habilidades e adxudicación de tempo do/a seu/súa xestor/a para completar o Gig.
A transparencia das contribucións a través de Gigs pode axudar a construír (ou desmerecer) a reputación dun/dunha contribuidor/a, favorecendo por iso a probabilidade de que a calidade da contribución sexa alta. Completar Gigs tamén poderá servir para probar a experiencia nun área en particular.
A natureza dos Gigs publicados no marketplace pode incluír tanto habilidades técnicas como competencias sociais; tales como organizar un evento grupal, escribir un informe ou solicitar unha mentoría etc.
A responsabilidade da creación do «Gig marketplace» debería ser asumida por un equipo dunha organización que proporcione infraestrutura e capacidades para toda a compañía.
Contexto resultante
O «Gig marketplace» de InnerSource aumentou considerablemente o número de proxectos InnerSource; así como o número de empregados/as implicados/as neles. A natureza autodirixida do Gig marketplace mellorou a satisfacción laboral entre os/as empregados/as, pois permitiulles elixir o traballo que realizan e con quen asociarse dentro da empresa. Os/As empregados/as saben exactamente a que se comprometen e o que poden esperar da experiencia. Os/As directivos/as poden estimar e rastrexar mellor os compromisos de tempo dos/as seus/súas empregados/as con respecto aos proxectos InnerSource, recoñecer os seus esforzos individuais e tomar os Gigs completados como unha forma de validar as súas habilidades específicas. Ademais, os cargos superiores poden aproveitar o tempo dispoñible de inactividade dun/dunha empregado/a e permitirlle que pase a traballar no Gig marketplace. Os datos xerados polas interaccións no Gig marketplace axudan tamén a impulsar as decisións de contratación e formación en tódolos departamentos.
Cando se usa en combinación co modelo do portal InnerSource, o Gig marketplace ofrece unha maior precisión de contexto e datos, xunto coas ligazóns aos repositorios de código e a documentación do proxecto relacionado co Gig.
Exemplos coñecidos
Unha grande organización de servizos financeiros empregou a creación dunha web Gig marketplace de InnerSource para promover o seu programa InnerSource.
SAP implementou o modelo de Gig marketplace, engadindo un novo programa InnerSource á plataforma de traballo interna na que se poden publicar ofertas similares.
O modelo Gig marketplace probou funcionar extremadamente ben co prototipo asociado do portal InnerSource neste contexto. O portal InnerSource dá a coñecer os proxectos específicos que se están levando a cabo na actualidade, mentres que o Gig marketplace anuncia certo tipo de tarefas dispoñibles para traballar neses proxectos.
Estado
Estruturado
Autoría
Stephen McCall
Shreyans Dugar
Tradución
Leticia Gómez Cadahía
María Lucía González Castro
Last updated
Was this helpful?