# Introdución

![Modelos InnerSource](https://759310253-files.gitbook.io/~/files/v0/b/gitbook-x-prod.appspot.com/o/spaces%2FptpH83yl04rC7Zlp54rN%2Fuploads%2Fgit-blob-eb35968578b47705ad4de24975f42ffdedcbc599%2Finnersource-patterns-book-cover.png?alt=media)

{% hint style="info" %}
Vostede está a ler unha versión preliminar do libro *Modelos InnerSource: Guía das mellores prácticas por casos: Fáciles de entender, avaliar e aplicar*, polo que é posible que algunhas ligazóns non funcionen, ou atope algún erro. Pode axudarnos a corrixilos, e así poder ofrecer o mellor libro posible, se escolle facer [contribucións](https://patterns.innersourcecommons.org/gl/contribute) a este libro.
{% endhint %}

Benvido ao libro **Modelos de InnerSource**.

Este libro contén as mellores prácticas de InnerSource debulladas nun formato pensado especificamente para que sexan sinxelas de comprender, de avaliar e de aplicar no seu contexto. Referímonos a este tipo de formato como **modelo**.

[InnerSource Commons](http://innersourcecommons.org) recompilou estes modelos ao longo de varios anos e publicou os máis maduros neste libro, no que os membros da comunidade revisitan cada modelo a partir de, polo menos, un exemplo de uso coñecido.

Nesta introdución explicamos [que é InnerSource](#que-é-innersource), [que é un modelo](#que-son-os-modelos-innersource) e [como empregar eses modelos](#como-pode-empregar-os-modelos-innersource) na súa organización.

Se xa está a empregar InnerSource na súa empresa e quere contribuír achegando experiencias a este libro, encantaríanos [recibir as súas contribucións](https://patterns.innersourcecommons.org/gl/contribute)

## Que é InnerSource?

Definimos InnerSource como:

> O uso de principios e prácticas de software libre para o desenvolvemento de software dentro dos límites dunha organización.

InnerSource toma as leccións aprendidas do desenvolvemento de software libre e aplícaas á forma en que as empresas desenvolven software de maneira interna. Cando os/as desenvolvedores/as xa estaban afeitos a traballar en software libre de xeito universal, xurdiu un forte desexo de volver a introducir esas prácticas dentro do *firewall* e de aplicalas ao software que as empresas poden amosarse reticentes a lanzar.

Para as empresas que crean na súa meirande parte software de código pechado, InnerSource pode ser unha boa ferramenta coa que eliminar os silos, fomentar e escalar a colaboración interna, acelerar a incorporación de novos/as enxeñeiros/as e identificar as oportunidades para contribuír ao mundo do software libre.

## Que son os modelos InnerSource?

Os modelos son unha forma de describir unha solución probada e repetible para un problema nun contexto concreto. Os modelos empregan un formato sinxelo co que, na propia aplicación da solución, axudan a comprender as limitacións do problema, os aspectos que mellorar e o contexto resultante; é dicir, a nova situación xerada tras a aplicación desta solución.

Os modelos poden proporcionar aos/ás participantes de InnerSource Commons un medio polo que compartir información de xeito conciso, para mellorar a práctica InnerSource. Algunhas das seccións principais destes modelos son: Título, Problema, Contexto, Aspectos que mellorar e Solucións.

* [Vídeos de Youtube sobre que son os modelos](http://bit.ly/innersource_patterns_videos): visualice esta serie de vídeos de YouTube de entre 2 e 5 minutos, na que se explican os modelos InnerSource.
* [Webinario sobre os modelos](https://youtu.be/i-0IVhfRVFU): o16 de marzo de 2017 levouse a cabo este webinario no que se debateu en vivo un modelo donut (minuto 24:30). É un exemplo do proceso de revisión que seguimos. Tamén pode consultar o [webinario sobre modelos InnerSource de O’Reilly do 1 de xuño de 2017](http://www.oreilly.com/pub/e/3884).
* [Prototipo de modelo](https://patterns.innersourcecommons.org/gl/apendice/pattern-template): observe a estrutura dun modelo InnerSource para ter unha idea do que acontece nun modelo novo.
* [Introdución aos modelos InnerSource (presentación en inglés do cumio de outono de 2016)](https://drive.google.com/open?id=0B7_9iQb93uBQbnlkdHNuUGhpTXc), de Tim Yao e Padma Sudarsan (PDF). Expón os antecedentes e algúns exemplos de modelos, e permitiralle comprender en detalle os motivos polos que facer uso dos nosos modelos e como facelo. Consulte tamén a [Introdución aos modelos InnerSource (do cume de outono de 2017)](https://drive.google.com/open?id=0B7_9iQb93uBQWmYwMFpyaGh4OFU) de Tim Yao e Bob Hanmer (PDF).

## Como pode empregar os modelos InnerSource?

Os modelos deben empregarse coidadosamente. Non poden aplicarse de xeito indiscriminado. Na maioría dos casos, vostede necesitará adaptar unha solución á súa situación particular; mais a información proporcionada no modelo, que define o contexto (os límites inamovibles) e os aspectos que mellorar (os límites que poden cambiar e equilibrarse entre si), debería servir de axuda para poñela en práctica. Teña en conta que tamén deberá determinar se existen limitacións adicionais (o contexto e os aspectos que queira mellorar a empresa) que se apliquen á súa compañía/organización en particular e deban engadirse ao modelo (como se fose unha especie de filtro). Estas limitacións adicionais poden chegar a requirir pasos adicionais para chegar a unha solución.

O impreso do modelo é útil para describir solucións probadas, pero tamén se pode empregar para xerar ideas sobre novas solucións onde aínda non se estableceron modelos. Isto débese a que a anatomía dun modelo proporciona un marco de traballo para pensar sobre un problema dun xeito estruturado. Vostede tamén pode crear un *modelo de donut* (completando os campos de problema, contexto, aspectos que mellorar e contexto resultante; pero deixando a solución en branco) como unha forma de pedir axuda á comunidade InnerSource Commons (para encontrar unha solución comprobada ou para achegar ideas sobre que cousas probar).

## Como contribuír?

Consulte: [como contribuír a este libro](https://patterns.innersourcecommons.org/gl/contribute).

## Créditos

Este libro é o resultado de moitos anos de traballo de incontables [contribuidores/as de software libre](https://github.com/InnerSourceCommons/InnerSourcePatterns/graphs/contributors) de todo o mundo. A súa vontade de compartir abertamente os desafíos que afrontaron as súas empresas e o xeito no que InnerSource os axudou a abordar eses desafíos, fan deste libro un recurso valioso para calquera que inicie o seu percorrido InnerSource.

Queremos facer unha mención especial ao InnerSource Patterns Working Group, que nutriu a calidade dos modelos e axudou a outros/as a facer contribucións. E tamén compilou a selección de modelos dispoñibles neste libro.

A imaxe do título do libro foi creada por [Sebastian Spier](https://spier.hu) e adaptada dunha imaxe de [Tony Hisgett - Alhambra 6](https://www.flickr.com/photos/hisgett/29345405788/), dispoñible baixo a licenza [CC BY 2.0](https://creativecommons.org/licenses/by/2.0/).

**Moitas grazas a todos os/as contribuidores/as! E feliz día InnerSource. :)**

## Licenza

![Licenza Creative Commons](https://i.creativecommons.org/l/by-sa/4.0/88x31.png)

Modelos InnerSource de [InnerSourceCommons.org](http://innersourcecommons.org) ten unha licenza [Creative Commons Attribution-ShareAlike 4.0 International](http://creativecommons.org/licenses/by-sa/4.0/).

## Sobre a tradución

Esta tradución á lingua galega foi elaborada pola [AMTEGA](https://amtega.xunta.gal) (Xunta de Galicia). Cofinanciada a través de Fondos Europeos. Esta iniciativa foi coordinada pola [Oficina de Software Libre](https://amtega.xunta.gal/gl/software-libre).

Distribúese baixo licenza Creative Commons Atribución - Compartir Igual 4.0 Internacional (CC BY-SA 4.0). Pode consultar as condicións desta licenza [aquí](https://creativecommons.org/licenses/by-sa/4.0/deed.gl).

**Autoras da tradución:**

* Leticia Gómez Cadahía
* María Lucía González Castro

![Fondos Públicos](https://759310253-files.gitbook.io/~/files/v0/b/gitbook-x-prod.appspot.com/o/spaces%2FptpH83yl04rC7Zlp54rN%2Fuploads%2Fgit-blob-8e65d80adc3cdb1915d11a174af4720609e987e2%2Ffondos-publicos.png?alt=media)
