Introdución

Vostede está a ler unha versión preliminar do libro Modelos InnerSource: Guía das mellores prácticas por casos: Fáciles de entender, avaliar e aplicar, polo que é posible que algunhas ligazóns non funcionen, ou atope algún erro. Pode axudarnos a corrixilos, e así poder ofrecer o mellor libro posible, se escolle facer contribucións a este libro.

Benvido ao libro Modelos de InnerSource.

Este libro contén as mellores prácticas de InnerSource debulladas nun formato pensado especificamente para que sexan sinxelas de comprender, de avaliar e de aplicar no seu contexto. Referímonos a este tipo de formato como modelo.

InnerSource Commons recompilou estes modelos ao longo de varios anos e publicou os máis maduros neste libro, no que os membros da comunidade revisitan cada modelo a partir de, polo menos, un exemplo de uso coñecido.

Nesta introdución explicamos que é InnerSource, que é un modelo e como empregar eses modelos na súa organización.

Se xa está a empregar InnerSource na súa empresa e quere contribuír achegando experiencias a este libro, encantaríanos recibir as súas contribucións

Que é InnerSource?

Definimos InnerSource como:

O uso de principios e prácticas de software libre para o desenvolvemento de software dentro dos límites dunha organización.

InnerSource toma as leccións aprendidas do desenvolvemento de software libre e aplícaas á forma en que as empresas desenvolven software de maneira interna. Cando os/as desenvolvedores/as xa estaban afeitos a traballar en software libre de xeito universal, xurdiu un forte desexo de volver a introducir esas prácticas dentro do firewall e de aplicalas ao software que as empresas poden amosarse reticentes a lanzar.

Para as empresas que crean na súa meirande parte software de código pechado, InnerSource pode ser unha boa ferramenta coa que eliminar os silos, fomentar e escalar a colaboración interna, acelerar a incorporación de novos/as enxeñeiros/as e identificar as oportunidades para contribuír ao mundo do software libre.

Que son os modelos InnerSource?

Os modelos son unha forma de describir unha solución probada e repetible para un problema nun contexto concreto. Os modelos empregan un formato sinxelo co que, na propia aplicación da solución, axudan a comprender as limitacións do problema, os aspectos que mellorar e o contexto resultante; é dicir, a nova situación xerada tras a aplicación desta solución.

Os modelos poden proporcionar aos/ás participantes de InnerSource Commons un medio polo que compartir información de xeito conciso, para mellorar a práctica InnerSource. Algunhas das seccións principais destes modelos son: Título, Problema, Contexto, Aspectos que mellorar e Solucións.

Como pode empregar os modelos InnerSource?

Os modelos deben empregarse coidadosamente. Non poden aplicarse de xeito indiscriminado. Na maioría dos casos, vostede necesitará adaptar unha solución á súa situación particular; mais a información proporcionada no modelo, que define o contexto (os límites inamovibles) e os aspectos que mellorar (os límites que poden cambiar e equilibrarse entre si), debería servir de axuda para poñela en práctica. Teña en conta que tamén deberá determinar se existen limitacións adicionais (o contexto e os aspectos que queira mellorar a empresa) que se apliquen á súa compañía/organización en particular e deban engadirse ao modelo (como se fose unha especie de filtro). Estas limitacións adicionais poden chegar a requirir pasos adicionais para chegar a unha solución.

O impreso do modelo é útil para describir solucións probadas, pero tamén se pode empregar para xerar ideas sobre novas solucións onde aínda non se estableceron modelos. Isto débese a que a anatomía dun modelo proporciona un marco de traballo para pensar sobre un problema dun xeito estruturado. Vostede tamén pode crear un modelo de donut (completando os campos de problema, contexto, aspectos que mellorar e contexto resultante; pero deixando a solución en branco) como unha forma de pedir axuda á comunidade InnerSource Commons (para encontrar unha solución comprobada ou para achegar ideas sobre que cousas probar).

Como contribuír?

Consulte: como contribuír a este libro.

Créditos

Este libro é o resultado de moitos anos de traballo de incontables contribuidores/as de software libre de todo o mundo. A súa vontade de compartir abertamente os desafíos que afrontaron as súas empresas e o xeito no que InnerSource os axudou a abordar eses desafíos, fan deste libro un recurso valioso para calquera que inicie o seu percorrido InnerSource.

Queremos facer unha mención especial ao InnerSource Patterns Working Group, que nutriu a calidade dos modelos e axudou a outros/as a facer contribucións. E tamén compilou a selección de modelos dispoñibles neste libro.

A imaxe do título do libro foi creada por Sebastian Spier e adaptada dunha imaxe de Tony Hisgett - Alhambra 6, dispoñible baixo a licenza CC BY 2.0.

Moitas grazas a todos os/as contribuidores/as! E feliz día InnerSource. :)

Licenza

Modelos InnerSource de InnerSourceCommons.org ten unha licenza Creative Commons Attribution-ShareAlike 4.0 International.

Sobre a tradución

Esta tradución á lingua galega foi elaborada pola AMTEGA (Xunta de Galicia). Cofinanciada a través de Fondos Europeos. Esta iniciativa foi coordinada pola Oficina de Software Libre.

Distribúese baixo licenza Creative Commons Atribución - Compartir Igual 4.0 Internacional (CC BY-SA 4.0). Pode consultar as condicións desta licenza aquí.

Autoras da tradución:

  • Leticia Gómez Cadahía

  • María Lucía González Castro

Last updated